Thursday 25 de April de 2024

A Xunta remata as obras da senda entre Xornes e A Igrexa de San Xoán, en Ponteceso, que contaron cun investimento autonómico de 446.000€


Estas obras na estrada AC-421 permitiron habilitar un novo itinerario peonil e ciclista de 1,3 km de lonxitude pola marxe dereita da AC-421, enlazando coa senda de Xornes-Buño-Canta la Rana, na que a Xunta investiu 535.000 €

Para facilitar a visibilidade e reforzar a seguridade, a senda construíuse en formigón coloreado, con cuneta de seguridade e franxa axardinada onde sexa posible

A Xunta traballa para favorecer a mobilidade e a seguridade dos veciños co impulso doutra nova senda neste concello a do Couto por ambas marxes da estrada autonómica que vai a Corme, a AC-424

O delegado da Xunta supervisou, esta mañá, o resultado das obras da senda entre Xornes e a igrexa de San Xoán, no concello de Ponteceso, que supuxo un investimento autonómico de 446.000 euros.

As obras consistiron na construción dun novo itinerario de uso compartido peonil e ciclista pola marxe dereita da AC-421, que permite os desprazamentos máis cómodos e seguros desde o núcleo de Xornes ata a igrexa de San Xoán. Esta senda enlaza coa senda xa executada en Xornes-Buño-Canta la Rana, que supuxo un investimento da Xunta de arredor de 535.000 €.

 

A nova senda entre Xornes e a igrexa de San Xoán abarca 1,3 km de lonxitude e ten 2 metros de ancho, salvo en casos puntuais onde o ancho é maior, xa que se une o novo itinerario coa aliñación das parcelas para evitar que queden franxas baleiras no trazado.

 

A nova senda é de formigón coloreado, para facilitar a visibilidade, e dispón nalgúns treitos de cuneta de seguridade e franxa axardinada. Completáronse os traballos coa execución da drenaxe e das canalizacións para alumeado público e telecomunicacións.

 

Trenor explicou que “esta actuación busca mellorar a seguridade dos peóns nesta contorna e fomentar os desprazamentos a pé dos veciños, dispoñendo tamén de mobiliario urbano”

 

A intervención da Xunta súmase á xa executada entre Xornes-Buño-Canta la Rana e complétase coa nova senda no Couto, por ambas as marxes da estrada autonómica que vai a Corme, a AC-424. Trátase dun itinerario de aproximadamente medio quilómetro de lonxitude, dando continuidade ao existente, cun investimento autonómico de arredor de 320.000 €.

 

Trenor destacou a boa acollida xeral dos itinerarios peonís nos concellos e subliñou que a Xunta leva construídos xa máis de 250 km de sendas en toda Galicia, cun investimento que supera os 50 M€.  No caso da comarca de Bergantiños, executáronse 11 km de itinerarios aos que se destinaron máis de 5 M€.